martes, 16 de abril de 2013

O MUNDO

O mundo andaba a facer teatro de función en función. A súa fama chegaba a todas partes. Xira que te xira a Terra non paraba e o Tempo declarouse en rebeldía. Andaba de aquí para alá como un toliño, troupeleaba cós días, contaba mal as horas; a algunhas facíaas eternas, con máis minutos dos que lle correspondían, e outras apenas chegaban a nada.
Tamén facía segundos interminables cando se poñía a xogar có tedio ou se enredaba coa dor.
Un desastre!
A Existencia, esa señora tan rara que non se fala con ninguén, facía o que podía para darlle sentido á vida, pero con todo tan revolto nada era igual.
A irresponsabilidade do Tempo foi tanta, que se marchou sin deixar aos homes e mulleres un mestre sustituto para poñer cada cousa no seu lugar, que como se sabe e a súa especialidade.
A desorde era total.
O sol e a lúa andaban de esmorga e provocaban moitos problemas aos namorados que nunca sabían si facían o amor á luz da lúa ou a luz do sol, porque non se sabía cando chegaba a noite.
Así estaban as cousas cando ao Universo se lle deu por facer un E.R.E. !vaia por Deus! (que por certo desentendeuse do asunto) e coa "lei" por bandeira decidiu botar ao paro a todas as estrelas que aliviaban un pouco o problema, con elas sabíase cando era noite e podíase soñar. Sen horizonte ningún tiveron que emigrar a outra Galaxia.
Os humanos que aínda estamos no mundo, outros non atoparon a súa hora , foron as que levou o tempo, seguimos a facer teatro e pactos coa Existencia, que por certo, sigue a ser intratable, para darlle sentido e ledicia á vida.
O Tempo sigue en rebeldía.

                                        Ana López.

1 comentario:

  1. Hermosa reflexión acerca del tiempo. Este blog se enriquece día a día con tus aportes.

    ResponderEliminar