domingo, 27 de enero de 2013

TORRE DE HÉRCULES

Son amiga do mar.
Vémonos tódolos días e falámonos coa mirada. Sei que pasou unha boa noite cando as ondas chegan do colo da lúa ate as mans do sol.
Ás veces as ondas nacen no ventre da noite e agostan a praia.
Hoxe o bruído do vento leva o pranto das ánimas, buscan acougo nas follas engurradas dun tempo anegado.
Son palabras que o vento rexeita e non encontran pousada. Palabras que non "leva o vento" e percorren as ribeiras como a Santa Compaña; son esas palabras que se agochan nos xuncos e saen pola noite a buscar ó que as deixou abandoadas.


O mar asolagou o sol da tarde
e as ondas levaron ás rochas
as palabras que o vento rexeitaba;
areas dunha praia que percorre a inquedanza.


Ana López.

No hay comentarios:

Publicar un comentario