sábado, 1 de junio de 2013

Premio a Dores Tembras

Cultura e Educación e o concello de Carral entréganlle o XVI Premio de Poesía do municipio a Dores Tembrás
No marco do acto, que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, tamén foi presentado ‘Teatro’, de Roi Vidal, obra gañadora da pasada edición
Ven, 31/05/2013 - 20:47
Dores Tembrás recibiu este serán o XVI Premio de Poesía Concello de Carral, un certame promovido polo concello coruñés e que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura–, xunto con apoio doutras entidades, entre elas, a Deputación da Coruña.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, representou a Consellería de Cultura e Educación no acto de entrega do premio, no que tamén participaron o alcalde do municipio de Carral, José Luis Fernández Mouriño; o director de Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello; e Francisco Fernández, membro do xurado da edición de 2013.
Coa súa obra Cronoloxía da urxencia, Dores Tembrás resultou a gañadora da décimo sexta edición desta iniciativa consolidada no panorama de certames literarios de Galicia. Trátase dun poemario “emocionado e emocionante” que se presenta “enfiado arredor do amor e a paixón” no que se pon en valor a simboloxía dos traballos da casa e do campo”, polo que resulta “unha poética con raíces”. Así o cualificou o xurado do certame, que estivo conformado por Mercedes Queixas Zas, Francisco Fernández Naval e Roi Vidal, baixo a presidencia da concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo.
No marco do acto, que contou coa actuación musical de Vadim Yukhnevich, tamén foi presentada a obra gañadora da edición de 2012. Teatro, da autoría de Roi Vidal, foi editada por Espiral Maior coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación. A obra resultou gañadora da décimo quinta edición entre as 40 obras presentadas ao concurso, “pola súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, e que xoga cos silencios”, tal e como resaltou o xurado.

Favorecer a creación literaria en galego

O Certame de Poesía de Carral está dotado con 2.000 euros e mais coa publicación do poemario na editorial Espiral Maior. O Concello de Carral, que forma parte da Rede de Dinamización Lingüística, promove esta iniciativa coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, que tamén está a apoiar outras iniciativas dirixidas a alentar a creación literaria en galego, como o Premio de Poesía Novacaixagalicia, o Premio Ardeiro de Poesía, o Premio Arume de Poesía, o Premio de Poesía Gonzalo López Abente ou o Premio Estornela de Teatro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario