miércoles, 19 de diciembre de 2012

Conto de Nadal

Saíra coa última estrela da tarde na procura dunha lúa preñada de soños.
O vento esgazara as últimas nubes do día e quedaron penduradas da noite.
Desapareceu o camiño.
Non se oian os chios dos paxaros.
Por cumes e vales andivo perdido algún tempo perseguindo lúas gordas e estrelas despistadas.
Cada día era máis dificil volver a ilusionarse; era como se a desesperanza se acubillase na parte traseira do corazón.
Á luz non lle foi doado convencer ás nubes de que se desprendesen da noite, e se convertesen nesa auga morna e salgada que lava as impurezas das entrañas e arrastra as decepcións.
Ó cabo, despuntou un ceo azul que debuxou de novo o camiño. Os pés fixeron remuíños no pó e as mans apartaron as pólas das árbores que lle batían nos ollos.
Recoñeceu a paisaxe.
Estaba preto.
Apurou o paso.
Ate el chegaban as amadisimas voces dos seus, e o lume do fogar espertaba a súa pel.
Cando entrou na cociña ninguén lle preguntou nada.Os bicos e as apertas substituiron as palabras.
Fóra, a lúa agardaba. Facialle acenos na ventá. Ninguén a miraba. Decatouse de que non voltaría a buscala...
A estrela do Nadal era quen o abrazaba.

Ana López.

No hay comentarios:

Publicar un comentario